1. Por que pensar nunha casa sustentábel?
As casas e os fogares constrúense da mesma maneira desde hai décadas… Os espazos seguen sendo os mesmos, pero non se adaptaron ás novas inquedanzas e expectativas de quen os habita.
Hoxe día, temos a clave para repensar os espazos do fogar, adaptándoos aos retos que nos presenta o século XXI: o cambio climático, a sustentabilidade dos recursos empregados, a eficiencia enerxética ou a circularidade.
Conceptos sobre os que hai que reflexionar para asegurar que os fogares teñan o menor impacto posíbel, tanto sobre o planeta como sobre as persoas.
Por exemplo, pensemos nunha cociña, o seu mobiliario e os seus espazos...
A cociña dispón dun espazo amplo e reservado para clasificar e reciclar todos os residuos que se xeran a diario?
Hai algún móbel ou espazo reservado para almacenar e reciclar o aceite usado?
Poderiamos ter un pequeno horto que aproveite a luz que entra polas xanelas?
PERO… QUE É UNHA CASA SUSTENTÁBEL?
Unha casa sustentábel é aquela que se deseñou seguindo uns criterios respectuosos co ambiente e coas persoas.
- Respectuosa co ambiente: referímonos a que os materiais empregados contaminen o menos posíbel ou que teñan unha menor pegada ambiental, que sexan sustentábeis, que os recursos enerxéticos empregados sexan renovábeis, ou que a xestión da auga sexa eficiente, facilite a xestión de residuos, etc. Unha casa respectuosa co ambiente ten un consumo enerxético case nulo, utilizando ao máximo os recursos naturais (paneis solares, xeotermia…). Do mesmo xeito, debe ter un bo illamento térmico (paredes illantes, xanelas e portas herméticas…), para reducir o consumo de enerxía, xa faga frío ou calor fóra.
- Respectuosa coas persoas: unha casa que é saudábel e confortábel, grazas a solucións de iluminación e climatización, illamento, sistemas mecánicos de ventilación e filtración, etc. Cando unha casa é respectuosa coas persoas, respírase un aire de maior calidade, evita que entre contaminación do exterior, e evita enfermidades. Tamén garante unha sensación térmica estábel para as persoas, un bo illamento do ruído e sen molestas correntes de aire. Unha casa respectuosa coas persoas ofrece unha boa iluminación, que transmita calma e se adapte en cada espazo ás necesidades dos seus habitantes, facilitando así o seu benestar psicolóxico e a saúde dos seus ollos.
Se queres seguir aprendendo: